ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA EN ÁREA DOS SOARES NÚMS. 68-70 DA RÚA NOVA EN LUGO. (resumen)

ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA EN ÁREA DOS SOARES NÚMS. 68-70 DA RÚA NOVA EN LUGO.

Avance de resultados

A necesidade da intervención arqueolóxica veu dada pola aplicación da normativa urbanística e patrimonial vixente, na que previamente á concesión da licenza de obra debe presentarse no Concello de Lugo un proxecto arqueolóxico que, á vista do informe emitido pola arqueóloga municipal, debía ser de escavación arqueolóxica en área de toda a superficie de ambas as parcelas.
Os traballos arqueolóxicos iniciáronse en marzo do 2008 co baleirado dos restos que quedaban da derruba das casas e, unha vez rematado o proceso de limpeza do soar, procedeuse ao levantamento das soleiras de ambas as casas para, deseguido, iniciar a escavación arqueolóxica.
Realizamos un levantamento topográfico de toda a superficie do soar, así como o trazado das liñas das fachadas interiores deste, co fin de obter deste xeito unha planimetría máis exacta e pormenorizada da que xa dispoñiamos con anterioridade. Este levantamento topográfico, que foi realizado mediante estación total, foi xeoreferenciado a bases con coordenadas UTM.
Estas estruturas que apareceron inmediatamente por debaixo das soleiras de ambas as casas pertencen, como queda dito, a diferentes momentos ou fases de ocupación da zona, desde a etapa romana máis temperá ata a edificación dos inmobles:
- Un primeiro momento de edificación e ocupación dos edificios derrubados, desde o século XIX ata practicamente a actualidade, cos seus diferentes elementos construtivos e estruturas aéreas e soterradas.
- Un segundo momento de época moderna, onde tan só se localizaron os restos dunha fosa e uns alicerces.
- Un terceiro e último momento (en realidade é o primeiro momento de ocupación), en época romana, onde apareceron abundantes estruturas e restos que nos están a falar de varias etapas, moi diferenciadas entre elas, e das que logo trataremos con maior detalle.


FASE CONTEMPORÁNEA

Relacionada con varias estruturas que se apreciaban a nivel superficial, como os alicerces, posiblemente de época moderna-contemporánea, en sentido norte-sur asociados a un pozo de planta cadrada e a unha canle, que recollía as augas residuais da casa no 68 en sentido leste-oeste, cara á Rúa Nova.
En canto ás características destas estruturas, cómpre sinalar que estamos ante outro exemplo máis da arquitectura doméstica levada a cabo na cidade durante este período, é dicir, pozos de captación de auga, canles realizadas en cachotería de lousa para as augas residuais coa saída cara ás rúas onde o colector xeral as recollía e, finalmente, muros das edificacións apoiados sobre cimentos que se asentan directamente no substrato, como a aparecida por debaixo da soleira do soar no 68, cunhas medidas aproximadas de 3,5 metros de lonxitude norte-sur e unha anchura dun metro, realizada a base de grandes lousas de formas máis ou menos regulares, careadas nos laterais e sen argamasa, ao contrario que os muros, que si a levan.

FASE MODERNA

Unicamente se localizaron os restos dun antigo pozo ou fosa que aparecía cortando ao nivel de horta xunto aos niveis de época romana, como por exemplo a cimentación dun muro do que falaremos máis adiante. Nos depósitos que reenchían o corte do pozo, que recordemos non tiña paredes senón que estaba escavado no substrato, localizamos abundante cerámica que na súa meirande parte era de época moderna-contemporánea, chegando a escavar ata case 2 m de profundidade onde xa nacía a auga. No seu lado oeste apareceron unha serie de pedras de lousa e cuarzo colocadas de forma regular, das que aínda que non sabemos a súa función pensamos que puideran ter relación cunha antiga estrutura a modo de murete, xa que se observamos, na parte de arriba o pozo ten un corte máis ancho que abaixo, onde o diámetro do pozo é menor, facéndose máis estreito. 





FASE ROMANA

A pesar de que estas estruturas localizadas estaban moi arrasadas (seguramente pola reestruturación de ambas as casas a principios do século XX), nalgunhas zonas conserváronse restos de pavimento, concretamente en tres sitios distintos. Dous destes pavimentos documentados (aínda que sen niveis de uso nin derrubas asociadas, ao estar asentados directamente sobre eles a soleira de pedras de granito das casas contemporáneas) eran de opus signinum, que apareceron en dous espazos habitacionais diferentes, mentres que o outro pavimento documentado (neste caso con niveis de uso por riba del pois apareceu a unha cota lixeiramente máis baixa cós outros dous, e que estaba composto por arxila compactada) apareceu noutro ámbito distinto aos outros de opus signinum, concretamente nun espazo que, como primeira hipótese, pensamos que se trata dun local dedicado a cociña, e pertencente a este complexo doméstico de época romana que pasamos a describir.
Pasamos a describir a primeira das estancias localizadas no primeiro sector, en concreto na zona noroeste da intervención, e na que, documentouse unha parte, pois só temos os límites definidos pola zona leste e sur, dunha estancia ou habitación cuxa función ou uso debeu de ser con case toda probabilidade a de cociña deste complexo doméstico. As medidas obtidas que posúe este espazo —recordemos que non foi escavado completamente pois faltan os seus límites pola zona norte e oeste, que continúan fóra da superficie da casa no 70—  son de 3 m dirección leste-oeste, no seu lado sur, e 4,40 metros aproximadamente na parte leste da estancia.
Durante a escavación deste ambiente localizamos distintos depósitos con restos de carbonizacións, nos que apareceu abundante cerámica de época romana, na súa meirande parte de cociña e almacenaxe, con algúns fragmentos con restos de concrecións, produto de ter sido queimados ao ser expostos ao lume posteriormente. 
A habitación 1, de forma case cuadrangular (4,75 x 4,40 m aprox.) aparece definida polos seus catro lados, cunha superficie total de 21 m2 aproximadamente. No oeste está delimitada polo muro U.E. 319 (que separa esta habitación 1 da cociña), ao sur ten o muro mestre U.E. 338, cara ao oeste está demarcada polo muro U.E. 320 (que a delimita polo oeste da habitación 2) e, por último, no norte, esta habitación 1 ten ao muro U.E. 364, que está afectado por unha intrusión consistente nunha fosa de forma circular. Este muro U.E. 364 continuaba polo seu lado oeste por debaixo da cimentación do muro norte do inmoble no 70.




No caso da habitación 2, cómpre apuntar que nos atopamos ante o mesmo caso que na anterior estancia, aínda que cunha excepción, xa que aquí se localizou a súa entrada pola súa zona norte.
Ao igual que na anterior, nesta habitación 2 puidemos delimitar o seu perímetro completo, comprobando que é máis grande e rectangular que a anterior, acadando uns 25 m2 aproximadamente, xa que o seu lado sur, delimitado polo muro mestre U.E. 338 e 314 alcanza unha lonxitude duns 5,70 m e os seus lados oeste e leste, delimitados polos muros U.E. 320 e 324 respectivamente, acadan unha lonxitude duns 4,40 m aproximadamente, mentres que polo norte este recinto está delimitado, nun primeiro momento polos muros U.E. 320 polo noroeste e 335 polo nordeste, facendo ambos machón e, polo tanto, a entrada principal á estancia, aínda que dunhas grandes dimensións (3,30 m), para ser tapiada ao fin nunha fase posterior polo muro U.E. 323, xa cunhas características construtivas distintas aos anteriores e dunha calidade inferior, realizado tamén a base de lousas, pero tomadas cunha arxila de cor amarela e non alaranxada como nos muros orixinarios da domus baixoimperial, xunto cunha anchura que non excede os 40 cm e é polo tanto máis estreito ca os demais muros localizados.
Unha vez escavadas as estruturas contemporáneas do sector leste, localizase a continuación do muro mestre que continuaba desde a habitación 2 cara ao leste do soar obxecto da intervención, conformando un novo espazo que denominamos habitación 3, onde non se conservou ningún tipo de nivel de pavimento ou ocupación relacionados con ela. O substrato apareceu a moi pouca profundidade e comprobouse que este muro mestre, ao leste da habitación 2, se atopaba case todo a nivel de cimentación, como ben se pode observar no tramo das U.E. 354 e 357, onde tan só se conservan os seixos utilizados como cimentación sobre os que se apoiaban as lousas do muro na U.E. 339.
Arrimado polo seu lado leste, xusto onde a cimentación altoimperial fai esquina, engádeselle un muro posterior, coa mesma orientación que o muro sur altoimperial reaproveitado e formando unha cuarta estancia, denominada habitación 4, da que tan só temos os seus límites sur e leste. Este novo muro U.E. 350 posúe as mesmas características construtivas dos anteriormente descritos de época baixoimperial, é dicir, utilizando a arxila local (tamén alaranxada) como asento para as pedras de lousa destes, ao contrario dos da etapa anterior, onde non se documentou este tipo de arxila, ademais da diferenza na realización das cimentacións, onde no muro mestre da fase anterior utilizaron maioritariamente seixos como base para as lousas dos mesmos e nas realizacións posteriores do edificio doméstico non se utilizaron este tipo de apoios, senón unha mestura de banqueta de lousa con outro tipo de pedras, de características moi distintas ás da fase anterior.
Nesta habitación 4, por debaixo do nivel de horta da parte posterior dos inmobles, apareceron os niveis arqueolóxicos de época romana e, ao igual que na anterior habitación 3, nesta estancia non se conservaron pavimentos relacionados coas estruturas muradas de época romana atopadas, debido seguramente a que estes se alzaban a unha cota máis alta que os das habitacións 1 e 2 (recordemos que este último estaba uns 10-15 cm máis alto co da habitación 1).
En canto aos materiais recuperados durante a intervención, cómpre mencionar dúas cuestións previas como limiar destas liñas. En primeiro lugar, débese apuntar que o estudo dos materiais localizados nesta intervención encóntranse aínda nun estado incipiente, polo cal, o que segue, constitúe simplemente unha panorámica xeral co valor dun primeiro avance. En segundo termo, hai que considerar o ambiente proporcionado pola intervención.
No caso que nos afecta, a datación dos materiais localizados na intervención estenderíase desde a época Flavia ata principios da cuarta centuria, coincidindo neste punto máis cos resultados da rúa Quiroga Ballesteros que cos da Rúa Nova, onde o material contido nas fosas localizadas enmarcábase entre finais da primeira centuria e inicios da segunda.
Máis detalladamente, os diversos grupos quedarían como segue:

Terra sigillata
Compón un conxunto relativamente bastante fragmentado, escaso en número de pezas, pero moi homoxéneo tipolóxica e cronoloxicamente.
Pola súa banda, a decoración predominante nestas últimas é a de círculos sogueados sinxelos ou compostos, en frisos continuos ou en temas en forma de métopa con ocasionais engadidos de figuracións, preferentemente animalísticas.

Cerámica común
Abundantísima, xa que a maior parte do material arrombado nas fosas localizadas baixo a domus baixoimperial pertence a esta categoría. A súa datación coincide basicamente coa da TS, proporcionando un completo abano de series formais da CCR de Lucus Augusti durante este período.No entanto, debemos facer dúas observacións. A primeira é a escasa presenza de producións con engobe que, pola contra, adoitan ser habituais neste tipo de fosas como material de refugallo. A segunda, que poucas das pezas presentan signos de cocción deficiente, tamén contra o que adoita ser habitual neste tipo de ambientes. En tal sentido, temos que entender que se trata de achegas destinadas a colmatar as fosas como paso previo ao cambio funcional do espazo que pasa de olería a vivenda.

Outros
Para completar a visión faremos algunha referencia a outros conxuntos, como pode ser o vidro, cuxas escasas mostras presentan un panorama tipolóxico moi homoxéneo que nos remite a finas copiñas semiesféricas de vidro transparente de datación avanzada, ou no caso das moedas, bastante deterioradas na maior parte dos casos. Non obstante, o exemplar mellor conservado é unha cuñaxe de Domiciano.

A modo de conclusión
Estes restos, como son os muros que delimitan o espazo no que se realizaron distintas fosas de extracción de arxila, a canle que vén desde a zona norte e a estrutura formada por tégulas e lousas —que aínda que descoñecemos a súa función, estaría igualmente relacionada con eles— formaron parte dun complexo oleiro de época altoimperial que estaría funcionando ao tempo dos fornos e outras estancias auxiliares vertebradas en torno a un gran patio empedrado, documentados preto do soar que nos ocupa; fornos que precisarían de abundante arxila como a extraída nas fosas aquí localizadas, situadas todas elas dentro do recinto que delimitan os muros altoimperiais aparecidos, mentres que non apareceu ningunha delas fóra del.
Cómpre destacar ademais, polo seu estado de conservación sobre os demais restos aparecidos, o complexo doméstico baixoimperial localizado na metade norte do soar obxecto da intervención, delimitado ao sur polo muro mestre que cruza a superficie enteira da parcela de leste a oeste e composto por 5 estancias diferentes situadas ao norte deste.
En relación coas estruturas aparecidas ao sur do muro mestre, pensamos que poden tratarse de dependencias secundarias tipo pendellos ou galpóns para o gando e/ou almacenaxe.

Comentarios

Entradas populares de este blog

LUCUS AUGUSTI (resumen)

El foro romano de Lvcvs Avgvsti: la primicia de su descubrimiento (resumen)

Acercamiento a los modelos arquitectónicos, funcionales y productivos generales y de imitación de una ínsula alfarera en Lucus Augusti (resumen)