Primeiras valoracións da intervención realizada na Agra dos Castros, Marcelle, Lugo. (resumen)


Primeiras valoracións da intervención realizada na Agra dos Castros, Marcelle (Lugo)



No presente traballo ofrecemos unha síntese das primeiras valoracións sobre a intervención arqueolóxica levada a cabo nun asentamento inédito ata o momento.

Trátase dun terreo no que abundan os mananciais de auga que serviron como zona de captación para o posterior acueduto da cidade romana, situada a escasos 1500 metros ao sueste do xacemento (fig 1). Aínda que o topónimo se conservou ao longo do tempo, o castro non estaba catalogado como tal.
Fig. 1. Situación do asentamento respecto ao río Miño e á cidade de Lugo.


Superficialmente non se aprecian evidencias de elementos defensivos como foxos, parapetos ou murallas. Trátase dunha zona aparentemente chá e sen cambios bruscos na topografía. Tampouco se aprecian restos de construcións en superficie, a pesar de aparecer a escasos centímetros da rasante actual e de ser unha zona moi alterada polos traballos agrícolas.
No ano 1996, apareceron varios fragmentos de materiais, sobre todo de época romana, pero sen que se localizase ningunha estrutura relacionada con eles.
A partir desta protección legal, as recentes obras de abastecemento de auga á cidade de Lugo, na zona afectada pola traza da gabia, requiriron dun control e seguimento arqueolóxico, realizado neste caso, e ao longo de toda a súa traza, pola arqueóloga Manuela Pérez Mato.
A necesidade da intervención de sondaxes arqueolóxicas veu dada como consecuencia da apertura dunha gabia sen o aviso previo aos arqueólogos responsables.
Como consecuencia diso, despois da inspección dos técnicos da Xunta de Galicia, foi solicitado un Informe de Incidencias á arqueóloga encargada do control e seguimento
arqueolóxico, no cal se recollían pormenorizadamente os danos producidos pola apertura desa gabia na zona de cautela, así como a comunicación dos novos achados, entre os que destacaban tres foxos (un no sector leste e dous no sector oeste da gabia) xunto a unha serie de estruturas pétreas, conformadas por laxas de lousa unidas entre si mediante argamasa arxilosa. Neste Informe de Incidencias tamén se recollía a aparición dun nivel de paleosolo sobre o cal se documentaron varios buratos de poste con calzos, evidenciando xa
neste primeiro momento diferentes niveis de ocupación no lugar, que posteriormente se vería confirmado coa realización dos estudos posteriores.
Á vista do Informe, establecéronse unha serie de medidas compensatorias por parte da Administración autonómica, consistentes na execución dunha intervención arqueolóxica que comprendese a realización de tres sondaxes manuais na zona de maior concentración de estruturas afectadas, así como a escavación dunha parte representativa dos foxos localizados.
Unha vez realizada esta primeira intervención, consensuouse cos técnicos da Xunta de Galicia a ampliación da intervención na parte leste da gabia, co fin de deseñar un trazado para o tramo que faltaba por abrir ata chegar ao seu fin e deste modo evitar a afección patrimonial sobre outros restos.

Primeiras valoracións
En canto ás primeiras valoracións da intervención, cabe sospeitar que nos atopamos ante un asentamento que posúe unhas dimensións considerables, con diferentes fases de ocupación e cun extraordinario potencial no ámbito da investigación, tanto para a propia historia da cidade de Lugo como para o coñecemento do proceso de aculturación e romanización do territorio.
Nesta ocupación distínguense varias fases, cuxa caracterización resumimos brevemente:

Fase prerromana
pertence a un período prerromano se atendemos tanto á estratigrafía como aos materiais cerámicos recuperados (fig 2), posiblemente da fase final da Idade do Ferro, xa moi preto do cambio de Era.
Fig. 2. Restos de cerámica castrexa atopada na escavación.

Estes elementos defensivos, foron desmontados intencionadamente na seguinte fase, aproveitando o seu volume de terra para, deste xeito, encher de terra os foxos co fin de amortizar o conxunto de elementos defensivos do asentamento e crear unha nivelación do terreo.
O material procedente desa escavación é posible que fose utilizado para a construción dos parapetos defensivos situados entre o poboado e os foxos 1 e 2, e o localizado entre os foxos 1 e 4. Os restos de parapetos atopados están compostos por arxila local e lousa disgregada procedentes do zócolo natural, estériles en canto a materiais arqueolóxicos e depositados por riba dun nivel de paleosolo.
Os elementos construtivos de habitación, relacionados con case toda seguridade cos elementos defensivos anteriormente tratados, estarían baseados nunha gran cantidade de buratos de poste, canais e fondos de cabana, e non se atopan ningún elemento construtivo pétreo.
Entre os materiais recuperados desta fase destacamos a cerámica indíxena de tipo castrexa, a ausencia de materiais de época romana, e unha arracada de ouro.
A nivel superficial non se evidencia ningún tipo de elemento defensivo debido ao completo arrasamento que sufriron co desmonte os parapetos térreos, utilizados con case toda probabilidade para o recheo con terra dos foxos existentes, e que tan só se puideron observar nos perfís resultantes da gabia aberta para a instalación dos novos entubados.

Fase xulio-claudia
Aprecia un cambio nas técnicas de construción dos espazos para habitacións, coa utilización de muros de cachotería de lousa mesturada con outro tipo de pedra, como a cuarcita, combinados á súa vez con buratos de poste e canais, e aparecen por primeira vez materiais de época romana como restos de tégula, un denario de Tiberio e cerámica común dunha fase temperá, de clara tradición indíxena e con diferenzas á realizada na cidade de Lucus Augusti nese mesmo período. Esta segunda fase de ocupación do asentamento podería corresponderse probablemente co período no que se eliminaron os diferentes elementos defensivos de que dispoñía o poboado, unha vez a cidade de Lucus Augusti estaba plenamente consolidada.

Fase flavia ata o século III
Caracterízase pola construción de edificacións a base de muros de cachotería de lousa tomados con arxila local, cunha clara tipoloxía construtiva romana igual que os aparecidos na cidade durante as mesmas datas, deixándose de utilizar, como elemento construtivo maioritario, os buratos de poste. Entre os materiais recuperados aparecen restos de instrumentos de tear, como fusaiolas e pesas, ademais de tégula, T.S. cerámica común, vidros, fichas de xogo, unha lucerna de importación, muíños circulares e abundantes bronces e obxectos de ferro.
Fig. 3. Estancias da Sondaxe 4.
Esta fase construtiva, plenamente romana, é a predominante no conxunto da intervención, é dicir, a que deixou maior cantidade de restos da súa ocupación no asentamento, con abundantes muros de distintas edificacións asociados a pavimentos de arxila fortemente compactada, localizando ademais dous fogares no interior doutras tantas estancias.
É posible que fose tamén durante esta fase de ocupación do asentamento, o momento de funcionamento do complexo artesanal localizado na parte nordeste do asentamento, onde se documentaron dúas estancias (fig 3) con pavimentos de arxila fortemente compactada xunto aos restos dun forno de fundición, delimitados a ambos os lados (leste e oeste) por dous muros de contención, co fin de gañar espazo cara aos foxos.

Fase final
Ata o momento tan só dispoñemos dos datos achegados pola estratigrafía, con restos de dous muros construídos con posterioridade aos do período anterior, e en moi mal estado de conservación, case a nivel superficial, sen niveis de ocupación asociados a estes, polo que se trata posiblemente da última fase de ocupación do asentamento.

Conclusións
Como valoración final temos que destacar a importancia dos resultados obtidos; desde un punto de vista cuantitativo, pola gran cantidade de datos documentados e dos que ata hai ben pouco non tiñamos constancia ningunha, e tamén desde un punto de vista cualitativo, xa que estes datos, que ata o momento eran inéditos, axudarán a aumentar o coñecemento do proceso de aculturación e romanización nun ámbito que non só achega datos do asentamento en si mesmo, senón que tamén poden axudar a interpretar e entender este proceso nun lugar próximo e vinculado dalgunha maneira, como é a cidade romana de Lucus Augusti.



Comentarios

Entradas populares de este blog

El foro romano de Lvcvs Avgvsti: la primicia de su descubrimiento (resumen)

LUCUS AUGUSTI (resumen)

Acercamiento a los modelos arquitectónicos, funcionales y productivos generales y de imitación de una ínsula alfarera en Lucus Augusti (resumen)